26 de Setembro de 2026

De 30 a máis de 900 alumnos: A Casa do Rock celebra os seus 15 anos

De 30 a máis de 900 alumnos: A Casa do Rock celebra os seus 15 anos

Captura da noticia en La Voz de Galicia

Noticia dos 15 anos de ACDR en La Voz de Galicia

 

A escola, que se converteu nunha das máis grandes de Galicia, formou artistas da talla de Ortiga, Tanxugueiras ou Laura Solla

 

A Casa do Rock arrancou o 1 de setembro un novo curso marcado pola celebración dos seus quince anos de traxectoria. O proxecto, nacido en 2011, medrou ata converterse nunha das escolas de música máis grandes de Galicia, con máis de 900 alumnos e un cadro de persoal de 22 traballadores.

Dos trinta alumnos, catro profesores e dúas aulas dos seus inicios, A Casa do Rock medrou ata ser moito máis ca unha escola de música. O proxecto e a súa comunidade, que xa é toda unha “familia rockeira”, ofrecen formación musical, combos ao estilo dunha banda, concertos, festivais, campamentos de verán e Nadal, estudio de gravación, produción musical, servizos profesionais de backline, actividades para empresas e team building, entre outros.

Un dos eventos máis importantes foi o Canteira Rock Fest, celebrado o pasado mes de xuño no Palacio de Congresos de Santiago. Máis de 800 músicos, entre alumnado da escola, profesorado e artistas convidados, subiron ao escenario para demostrar o talento desta gran familia, que xa viu pasar polas súas aulas intérpretes da talla de Ortiga, Tanxugueiras ou Laura Solla. O espírito do festival, centrado en reunir a comunidade e gozar tocando, é un reflexo da filosofía e dos valores da escola.

Quince anos que abren unha nova etapa

Adrián Hernández, director e un dos impulsores do proxecto, considera que despois de quince anos “o reto xa non é simplemente seguir medrando. Queremos medrar mellor: coidar o equipo, manter a proximidade co alumnado e coas familias e seguir creando proxectos nos que a música sirva para unir persoas. Podemos ter máis alumnado, máis aulas ou máis actividades, pero non queremos perder aquilo co que naceu A Casa do Rock”.

Entre os principais fitos destes anos atópanse crear e consolidar un equipo profesional, desenvolver os combos ou grupos de músicos, incorporar novas materias e ampliar as idades ás que chega a escola, con alumnado que recibe formación desde os 3 anos de idade.

Foto de familia no Canteira Rock Fest 2026

Foto de familia no Canteira Rock Fest 2026

A escola anunciará proximamente varios eventos para conmemorar estes 15 anos de rock, un fito que non quedará nunha celebración dun só día, senón que estará presente ao longo de todo este curso escolar tan especial.

Outros artículos

  • 7 de Outubro de 2026
    Este Samaín disfrázate con nós!
  • 1 de Outubro de 2026
    Beca de honra para A Casa do Rock